ESPLENDOR BARROCO

O EDIFICIO NA HISTORIA. O BARROCO EN SANTA CLARA

 

O edificio muda cos tempos. Transfórmase e vive coa vila e coa súa sociedade permitindo seguir os séculos galegos a través das súas pedras. E así en torno a unha edificación de orixe medieval, que tería no século XIV o seu fundamento, engádense, modifícanse e amplíanse espazos, xa na Idade Moderna, en estilos diversos que dan forma ao conxunto entre os séculos XVI e XVIII. A fortaleza patrimonial da institución permitirá o mantemento das obras.

 

A propia planta presenta xa engadidos sobre o edificio medieval e a vinculación das familias principais da vila queda patente nos escudos do século XV que se axustan nos muros próximos á ábsida, como os dos Soutomaior , e que nos conducen xa, devagar, cara á Modernidade. Desta época non veremos grandes cambios na arquitectura, aínda que no século XIX anéxaselle un edificio que sería residencia do arcebispo e cardeal Quiroga Palacios.

Porén, si se engaden elementos artísticos que decoran, completa e dan forma ao mosteiro: escultura, retablos e pinturas. Consérvanse aquí algunhas imaxes de Santa Clara probablemente do século XVII como a escultura do exterior da igrexa, na que aparece con báculo e custodia, e a fonte barroca que, coroada tamén por Santa Clara, acompaña ao paseante na horta do convento. Será neste momento cando se elaboren o cadeirado do coro, o órgano e os principais retablos.

O retablo maior finalízase en 1730, e do mesmo século son os retablos laterais. Hai que engadir o retablo da Virxe dos Desamparados, que deixa testemuña dunha das principais devocións da vila de Pontevedra.

Posteriormente, a comezos do século XIX colócase na base do retablo maior un relicario de San Vicente Mártir.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad