UNHA XOIA GÓTICA

A primeira pedra: o mosteiro no gótico

 

Unha das imaxes máis características de Santa Clara de Pontevedra é a da súa ábsida, o espazo da cabeceira que acolle o altar maior. As ventás que se abren nela son aquí apuntadas e estíranse, erguéndose cara o ceo, nun sentido que non só fai ao edificio lixeiro senón que deixa pasar a luz e contribúe á espiritualidade da Baixa Idade Media. Porque iso é o edificio: herdeiro da súa sociedade. Este é un tipo de arte propia do tempo: o gótico, máis lixeiro e luminoso que o románico.

A edificación do mosteiro é de longo percorrido, sostida polas doazóns das familias burguesas, ao que se engade a xestión do patrimonio. Quizais o edificio no que se instalan fose anterior, acaso un anterior mosteiro templario. O que está claro é que en 1339 xa se levaba a cabo alí a obra de Santa Clara. En calquera caso, a cabeceira gótica que o caracteriza houbo de construírse no ano 1362, como figura na documentación monástica, e desta segunda metade do século XIV procede o máis destacado do conxunto arquitectónico.

A igrexa ten unha planta con características comúns a outros templos e arquitectura das ordes femininas mendicantes galegas da Baixa Idade Media: unha única nave cunha ábsida poligonal ou rectangular máis estreita. Así ocorre cos templos das clarisas de Ribadeo ou das dominicas de Belvís en Compostela. E deste século XIV son tamén o tímpano da igrexa, hoxe mudado, coa Virxe e o Neno no centro e as imaxes de San Francisco e de Santa Clara aos lados, e o arco que permite acceder ao mosteiro, con imaxe tamén da santa.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad