Santa Clara Convento de RESERVAR VISITA COÑECER

No corazón da vila mariñeira de Pontevedra sitúase dende a Idade Media o mosteiro de Santa Clara, fogar do convento das clarisas probablemente dende finais do século XIII e, de seguro, dende os inicios do XIV. Lendas, vidas e historias mestúranse nos muros góticos deste edificio que se ergue cara o ceo con arcos apuntados e paredes rexas.

 

As súas ocupantes tomaron forma dunha veciña máis da vila; pontevedresas que, dun ou doutro xeito, participaron da economía, da sociedade… da vida de Pontevedra. E mentres, o edificio creceu, cambiou, modificouse e adaptouse nunha viaxe que se percorre paseniño pero con intensidade dende o Medievo até o día de hoxe.

 

A apertura agora das súas celosías é a apertura da súa herdanza, nunha xestión e difusión que asume o Concello de Pontevedra para abrir o patrimonio á cidadanía. Coñezamos un pouco máis o convento e mosteiro de Santa Clara de Pontevedra.

A HISTORIA DO CONVENTO

  1. 1271

    As clarisas en Pontevedra

     

    As primeiras novas da instalación das clarisas en Pontevedra son indirectas, pois non temos comunicacións papais ou un documento de fundación. A noticia que se toma como fundacional é a suposta doazón que faría Maior Pérez, esposa do burgués de Pontevedra Fernán Núñez de Aldán, o 14 de marzo de 1271 para promoción da comunidade. Pero débese advertir que o documento non se conserva hoxe en día e a nova transmítesenos dende a crónica que Xacobe de Castro fai da provincia.

  2. 1293

    Primeira referencia documental

     

    De novo unha referencia indirecta permite agora situar á comunidade pero de xeito xa seguro e definitivo. A doazón que no ano 1293 fan Xoán Pérez, Dominga Martín e Marina Eanes ten como beneficiaria a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara; un documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Arquivo do Museo de Pontevedra. Este é xa o primeiro testemuño con seguridade do convento, e permítenos anteceder a data da instalación.

     

    © Museo de Pontevedra

  3. 1312

    O favor real

     

    O 21 de xuño de 1312 evidénciase o favor real á instalación clarisa. Nesa data o monarca Fernando IV concédelle un privilexio ao convento de Santa Clara de Pontevedra polo cal 20 homes, sen cargo para a institución nin pago de impostos, poderán recadar o que lle correspondese ao mosteiro en canto a rendas e décimos.
    Como era usual, o privilexio foi sucesivamente confirmado por distintos reis e raíñas (Xoana de Castela, Filipe II, Filipe III…) ao longo do tempo, e chega até tempos ben recentes, sendo a derradeira confirmación a de el-Rei Fernando VII en 1814.

     

    © Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago

  4. 1362

    A igrexa conventual

     

    Os testemuños documentais permítennos seguir, paseniño, a historia do edificio. En 14 de xullo de 1362 dona Aldonza Fernández Churruchao, membro dunha coñecida familia da burguesía non só pontevedresa senón galega, deixa no seu testamento unha doazón a Santa Clara en favor da súa alma para edificar a cabeceira da igrexa conventual. Esta debeu de ser, ou ben próxima, a data de inicio da construción da cabeceira gótica que chegou até a actualidade.

  5. 1510

    A igrexa da comunidade

     

    Edificacións como as que hoxe vemos en Santa Clara, son labor de tempo, lentas e sostidas. E así, non será até inicios do século XVI, neste 1510, cando se finalice a obra principal da igrexa claustral e da comunidade, especialmente coa culminación desa cabeceira cuxa construción comezara no século XIV. Necesitáronse preto de 150 anos para ofrecernos unha das principais mostras da arquitectura mendicante galega.

  6. 1719

    Fuxida

     

    A Guerra de Sucesión, librada en España desde 1701 a 1714 entre os partidarios da Casa de Austria e os dos Borbóns, sacode a Península Ibérica. En Galicia o conflito leva a fuxidas e movementos de xente tratando de evitar exércitos e combates. En 1702 o padre Fr. Martín Sarmiento conta que, sendo el aínda neno, «huyó a Tenorio con las cuarenta monjas de Santa Clara», logo da batalla de Rande e a invasión inglesa. A comunidade vese na obriga de fuxir do conflito, xunto co neno que sería o grande ilustrado galego. O periplo leva á comunidade por diversos lugares de Galicia até refuxiarse e atopar residencia temporal en Santiago de Compostela xa cara 1719.

    Uns anos antes destes feitos, en 1711, as monxas solicitaran o amparo do arcebispado compostelán ante a “tiranía” dos franciscanos aos que estaban sometidas. 

     

    © Museo de Pontevedra

  7. 1730

    O altar

     

    O mesmo que ocorrera coa cabeceira sucede co altar maior. Trátase dun traballo de tempo, que nos deixa ver distintas épocas artísticas no edificio. A comezar a década dos 30 do século XVIII remátase a elaboración do retablo deste altar principal da igrexa de Santa Clara, feito sobre coiro dourado e labrado. Aos pés colocáranse reliquias de San Vicente Mártir traídas de Roma.

  8. 1793

    A música

     

    O órgano de Santa Clara é un dos elementos máis característicos do conxunto. De estilo barroco, descoñecemos a súa autoría, malia que se especula que puidese ter sido construído por algún artesán galego. O que si se pode concretar é que esa construción ten lugar a finais do século XVIII: entre 1793 e 1795. Pintado de vivas cores, un dos elementos polos que salienta é a forma dos seus tubos, pois se habitualmente están en vertical neste atopamos parte deles en horizontal..

  9. 1809

     

    A Guerra de Independencia, que se libra contra Francia en 1808- 1814, volve afectar a Santa Clara, pero dun xeito diferente á de Sucesión. Unha das principais batallas da contorna é a de Pontesampaio, na que as tropas francesas saen derrotadas entre o 7 e o 8 de xuño de 1809. Era coronel do exército Pablo Morillo y Morillo, que tras a batalla será ascendido a xeneral. En agradecemento fai ofrenda e doazón en Santa Clara das bandeiras militares do rexemento que portaran. Dúas insignias coa cruz de Santo André, ou aspa de Borgoña.

     

    © Museo de Pontevedra

  10. 1868

    A Desamortización

     

    En distintos momentos da historia promovéronse nacionalizacións de bens eclesiásticos. Unha destas foi a do ministro Pascual Madoz, promulgada en 1855. Así, e no tempo seguinte, moitos mosteiros e conventos pasaron a mans públicas e estatais. No 1868 chegou a quenda da comunidade de Santa Clara, polo que no 5 de decembro as monxas vense na obriga de abandonar o mosteiro. A partir dese momento, o seu uso será o de acoller as crianzas do Hospicio.

  11. 1875

    O regreso

     

    O exilio da comunidade trala Desamortización non foi definitivo. A iniciativa do arcebispo compostelán, Miguel Payá y Rico, despois cardeal, conquistou a súa volta ao mosteiro no ano de 1875, tras negociar co monarca Afonso XII. Pouco despois e pola promoción do prelado construíuse un edificio adxacente a Santa Clara a modo de pequeno pazo, no cal pasaba o relixioso certas temporadas e que foi residencia arcebispal compostelá, así como de persoal eclesiástico como algún capelán.

     

    © F. Zagala

  12. 2017

    As derradeiras monxas

     

    A entidade da comunidade de Santa Clara foi minguando co tempo e co avance do séculos XX e XXI. Xa na segunda metade do XIX atopabamos a 13 monxas residindo nel. Chegados a 2015 eran unicamente tres, e dous anos despois xa restaban as dúas derradeiras monxas do mosteiro de Santa Clara de Pontevedra: Sor Sagrario, abadesa de 78 anos, e Sor Purificación, de 80. Nese ano as últimas clarisas de Pontevedra, abandonan o convento para instalarse en Santiago de Compostela.

  13. 2021

    Clausura aberta

     

    Tras un tempo de negociación, Santa Clara de Pontevedra pasa a ser de dominio público. O Concello de Pontevedra adquire o convento e consegue abrir Santa Clara a toda a sociedade, garantindo a conservación e difusión do seu patrimonio.

Personaxes de Santa Clara

Cousas que non sabías

O son de Santa Clara

Visita Virtual

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipiscing elit. Praesent imperdiet tellus ut pellentesque euismod. Sed quis nisl et quam semper tincidunt ac vel felis. Cras quis justo vel ex accumsan maximus.

Duis dapibus sem rutrum ligula maximus commodo. Duis ut neque at nunc maximus tempor.

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad